miércoles, 13 de enero de 2010

Clase do trece de Xaneiro do 2010

Hoxe levamos a cabo un experimento en clase cun grupo de seis, que consistía en que unha persoa tiña que mirar un debuxo e logo contarllo a outra persoa, e esta, á súa vez a outra, e así sucesivamente. A imaxe constaba de catro cadrados e en cada un deles os seguintes debuxos: no primeiro había a cara dun home fumando unha pipa, no segundo un sol cuns raios moi grandes, na terceira unha sepultura cun escrito ("El hombre se equivoca mientras sigue esforzándose") e por último unha praia cunha palmeira na que estaba apoiada unha rapaza espida e sobre o mar un barco. O certo é que, de persoa a persoa, fóronse perdendo algúns elementos informativos á vez que se recalcaban outros...por que sucede isto?

Á hora de memorizar retemos mellor na nosa memoria os elementos simples (sol, home, pipa...) e no caso das imaxes, estas son simples cando posúen menos de catro elementos; nos elementos complexos existen detalles que se perderán (consérvase mellor a figura que o fondo). Pola contra, as mensaxes, ao ser máis difíciles de reter na memoria a curto prazo sufrirán moitas alteracións. Ademáis debemos resaltar que se conservan mellor os elementos connotados (aqueles elementos informativos que provocan impacto afectivo) fronte as denotativos (simples bits de información).

Nun aula a comunicación terá grande importancia xa que non só serve para o intercambio de informacións, senon tamén para establecer relacións interpersoais. En todo proceso de comunicación debe haber:

- Unha emisión: para isto ten que existir unha idea, codificala e transmitila a través de códigos que poden ser enactivos, icónicos ou simbólicos (estes códigos poden ser á vez analóxicos ou dixitais).

- Unha mensaxe.

- Unha recepción da mensaxe. Aquí o receptor debe descodificar a mensaxe co seu repertorio de códigos para, finalmente, transformar as informacións recibidas a través dos sentidos nunha idea.

Pensamos que a importancia da comunicación na aula é moi grande. Dependendo de cal sexa o grado de interacción ou feed-back comunicativo entre alumnos e profesor e entre alumnos cos seus iguais, mellor será o proceso de ensino-aprendizaxe e o clima afectivo da aula. Ademáis queremos destacar algo que nos pareceu básico: debemos ter en conta os coñecementos previos dos alumnos á hora de comunicar, porque aínda que estes coñezan perfectamente os códigos que estamos empregando, se lles falamos de astronomía e eles non saben nada do tema, poderán descodificar a información nos seus cerebros, pero non poderán elaborar con ela unha idea clara do que lle estamos comunicando.

Javier Nóvoa Rodríguez

Gonzalo Filloy López


No hay comentarios: